sábado, 27 de outubro de 2007

Asociando formas.


Hoxe Adrián P. atopou un pau e dixo que era como un cabaliño de mar. Logo chegou Manuel e dixo que el atopara un cabaliño de mar que era unha pedriña...A mestra atopou esta foto dunha nube que se parece tamén un pouco. Cando asociamos formas é que algo se está movendo dentro de nós, o movemento é un dos principais retos do ensino actual.

Proxecto sobre os cabaliños de mar.







¿Que sabemos sobre os cabaliños de mar? Estas son algunhas das respostas:
- "os cabaliños viven no mar e nos ríos".
- " nadan de arriba a abaixo".
- "son de cor marrón e se fai calor laranxas".
- "comen algas finas, algas so verdes".
- "rascanse o lombo ca cola".
..........
¿Onde podemos buscar información sobre este tema?
- " en películas"
- "en libros da biblioteca de arriba".
- "en contos".
-" en internet"
.........
¿Que queremos saber?.
- "se son máis grandes que os polbos".
- "se nadan a moita velocidade".
-"se teñen moitos bebés".
-.....
A clase dos nenos/as de 4 anos da mestra Paula e nós empezamos a facer un proxecto sobre os cabaliños de mar. Pedimos colaboración ás familias para conseguir información, e a resposta foi realmente moi boa, polo que estamos moi agradecidos/as. As mestras Uxía e Paula están todas emocionadas. Dixéronnos que non podemos collelos do mar, nen matalos...as veces veñen engachados nas redes e por iso estamos traendo algún a clase para observar. Fixemos unha lista de todo o que sabemos e de todo o que queremos saber. Tamén estivemos pensando onde podemos buscar información: contos, internet, libros "gordos" (enciclopedias)........Os martes imos a biblioteca "do piso de arriba" e xa estivemos buscando contos onde apareceran cabaliños de mar. Aprendimos que se camuflan e imos camuflar siluetas na obra de Matisse. Din as mestras que todo o que imos aprendendo o podemos ir expresando falando, debuxando, esculpindo.. e como os/as artistas utilizan moitos materiais, estivemos falando, observando, hipotetizando...sobre cabaliños de mar feitos con ferro, madeira.....Dentro de pouquiño miraremos un video de como é o cabaliño de mar macho o que leva dentro as crías...somos uns investigadores e investigadoras de primeira.

Un día na nosa clase.

Transplantamos as leitugas.











Hoxe venres, transplantamos as leitugas. Primeiro preparamos as macetas. Fixemos buratiños e collimos as leitugas pequenas que estaban no semilleiro. Estivemos observando as raices que aínda son moi finiñas.
Tamén, os rapaces e rapazas maiores están facendo unha hortiña fora, están prantando flores e nos deixaron que lle axudáramos .Gústanos facer cousas con eles/as. Foi moi divertido.

Xogar con teas.


























Ó principio de curso cada familia trouxo un retal de tela. Témolas nunha caixa na biblioteca da illa Rúa. As telas son parcelas de cores e formas máxicas que debuxan constantemente relatos que non están escritos:

Un día son barcos, outro día son planetas, granxas,...retais que a nosa imaxinación cose e descose ó seu antollo. Gústanos extendelas, sentarnos enriba e abrir as nosas caixas de coleccións. A clase cas dazaseis telas extendidas asemellan ser leiras onde cada neno e cada nena sementará unha nova aventura sen guións.

quinta-feira, 25 de outubro de 2007

Pintamos con pelotas saltarinas.







Estruturas.











Cando rematamos de facer algunha tarefa e temos que esperar por Uxía para que nola vexa, podemos facer estruturas cas cores. Sempre facemos cousas distintas e as soemos montar por parellas. Gústanos porque son os nosos proxectos de "garaxes" (Javi), de "galiñeiros"(Adrián P.), de...sinxelamente unha creación efímera de cores, tamaños...series e conceptos lóxico-matemáticos que levantan obras en miniatura polo seu tamaño, non polo seu valor, que, sen lugar a dúbidas, é superlativo.

Caixas de coleccións, os nosos tesouros atopados.
















Coleccionar é ordear e desordear constantemente o noso
universo, as veces cun criterio claro e as veces sen necesidade del, movéndonos simplemente polo placer de mover as pezas dun puzzle vital. Esta semana empezamos caixas de tesouros, cas nosas coleccións. So podemos traer "cousas atopadas", é dicir, cunchas, chapas, pedras...nada de xoguetes nen cousas mercadas.
Estamos personificando as caixas, pintandoas, pegándolle imaxes, palabras.....por fóra e por dentro (que as veces nas aulas nos esquencemos de traballar " o que non se ve").

terça-feira, 23 de outubro de 2007

¿Como podemos meter letras e números dentro dunha botella?







¿Que podemos atopar dentro dunha botella?. Auga, leite, aceite...e nós como somos artista tamén podemos meter letras e números. ¿Pero como o facemos?. A mestra ensinounos obras de arte de Tápies que tamén traballa con "materiais atopados". Os/as artistas non so pintan en papeis, a través das botellas tamén podemos expresar moitas cousas, cousas que non podemos deixar que se durman na almofada do esquencemento porque para nós, os nosos 5 anos son moi importantes e forman parte da nosa visión do mundo que nos rodea.

Sentimos os nosos corpos.

Non é fácil relaxarse. Cóstanos moito, pero cando o conseguimos respirase un ambiente de tranquilidade que nos permite escoitar o noso corazón, e como os nosos pulmóns se enchen de aire. A medida que pasan os días a mestra vainos dicindo novas partes dos corpos, e nós cos ollos pechados empezamos a sentilas. Hoxe pechamos os ollos e pensamos onde están os nosos xeonllos e nos imaxinamos que íamos nunha nube moi brandiña, tan brandiña que os nosos corpos chegaron case a non pesar.

As nosas plantas: algo máis que raices e follas.






















Como xa vos contamos, aínda non temos internet na aula e por iso imos tan "a modiño"subindo fotos e escribindo historias das que somos protagonistas día a día. Aquí podedes ver as nosas prantas. Ata agora temos:

Leitugas: A mestra dí que as teñen que prantar tanto os nenos coma as nenas, coidalas, regalas..; despois cando sexan grandes, cada un/a levará unha para casa. Teremos que lavalas e preparalas para unha rica ensalada. Os nomes que socialmente se salientan na sociedade so son de homes-cociñeiros, pero hai moitas, centos, miles de mulleres anónimas que tamén merecerían ser nomeadas, visibilizadas e recoñecidas.

Menta: Plantamos infusións tanto os nenos coma as nenas, porque tamén socialmente se asocian as infusións as mulleres, é curioso, poderiamos facer un estudio en profundidade sobre este tema.

Perexel: A mestra contounos que fai moitos había mulleres que facían con herbas e con productos naturais fórmulas curativas para moitos /as enfermos/as; o boticario das vilas as recollían e se levaba tódolos méritos. Nós queremos que se recoñeza o traballo, esforzo e dedicación tanto dos nenos coma das nenas, dos homes e das mulleres.

Herba de gato/a: Esta pranta precisa ser cortada a miudo. Hoxe lle cortamos as puntiñas e pasado mañán xa medrou. Esta é unha tarefa do/a fareiro/a e do secretario/a do día.

Como vedes, non prantamos por prantar, o que pasa nas aulas non soe ser froitos da casualidade, sempre hai un transfondo pedagóxico e infinidade de accións que van construíndo e reconstruíndo constantemente os nosos esquemas mentais, sociais e emocionais. Observamos as prantas a través de tódolos sentidos, preparamos a terra, cortamos, sacamos as folliñas secas, regamos,comparamos as características das prantas.....

segunda-feira, 22 de outubro de 2007

Cumpreanos de Sara.




Hoxe foi o cumpreanos de Sara. Cumpriu 5 anos , coma os cinco dedos dunha man ou dun pe. A dorna "cumpreañeira" desta nova aventura dos 5 anos coñecerá novas terras, escoitará novos ventos e asubios, ...debuxará estelas cheas de cores e aventuras. Parabéns Sara.



sábado, 6 de outubro de 2007

A tripulación.








Nesta singladura non estamos sos/as. Temos moitas mestras, e cando dicimos mestras en feminino é porque desafortunadamente non temos mestres, cuestión que nos debería facer reflexionar sobre a feminización desta profesión. A nosa titora é Uxía. A mestra de apoio e de psicomotricidade é Kika. Tamén aprendemos inglés con Maite, e relixión con Sara. Os luns imos a música con Isabel. Raquel é a mestra de Audicción e Linguaxe, e duas veces a semana fai un obradoiro de linguaxe onde falamos ca boca, cas mans, cos ollos, cos silencios...e tamén veñen no nosa dorna este curso Sigrid e Sofía que son as mestras de Pedagoxía Terapeutica, xunto con Bea a Orientadora. Ana é a coidadora e tódolos días nos agasalla cun enorme sorriso de bos días. Hai outras mestras, dous mestre e o conxerse que non veñen a nosa aula pero que tamén nos ensinan cousas: colgando materiais moi interesentantes polos andéns, arranxando papeis, facendonos fotocopias, coidándonos no patio....Soa o pitido dun faro....é hora de colgar os calcetíns.

A nosa aula como un arquipélago.


Na nosa aula non hai "rincóns", hai illas. As illas do noso mar de Ribeira. A biblioteca está no faro da illa Rúa, aí facemos a asamblea diaria e no faro, ó lado do tendal de calcetíns, imos poñendo as nosas fotos, nun timón os días da semana os que lle pegamos tíxolas, tarteiras, espumadeiras...un obxecto de cociña por cada día, porque así imos interiorizando a que tanto os nenos como as nenas, os homes e as mulleres, temos que cociñar. O fareiro ou a fareira será a persoa encargada do día e sempre é elixida cunha canción de sortes que se recita tódolos días, se lle toca a alguén que xa foi, vai o/a que está sentado/a ó seu lado según elixa o que xa foi. Estos días estamos aprendo unha que di: "Hai un gato no tellado, ponlle nome para atrapalo" e quen lle toque di un nome para ser fareiro/a. Cando xa sexamos todos e todas fareiros/as aprenderemos unha nova.
A chamada "casiña" agora chámase Pazo de Sálvora.Xa estaba aqui cando chegou a mestra Uxía। Encántanos। É do noso tamaño e está feita con tetabriks de leite, de zumos...Este curso pintámola cas cores que quixemos e con pinceis de moitos grosores e tamaños. Gústanos elexir as cores, e gústanos misturar, ó igual que todos os/as artistas que estamos coñecendo pouco a pouco: Miró, Granell, Dans...Os/as artistas ensínannos como sentian eles/as a vida, unha mazá verde, unha mazá vermella, unha mazá de lunares...e nós a nosa propia máza cas cores que queiramos, tan so así será a nosa mazá. ¡Queremos mazás a raias azuis, grises, ......!
Os xogos de construcción están na illa de Sagres e os experimentos e inventos facemolos na illa de Vionta.
É o noso arquipélago, onde os nosos nomes están escritos con letras en forma de dorna.

sexta-feira, 5 de outubro de 2007

Un calcetín, dous, tres...dazaseis calcetíns.








"Poñemos o mandilón, colgamos o calcetín e sentamos o cu no coxín"....así empezamos polas mañáns. Fíxonos moitas gracia os primeiros días o de colgar o calcetín e logo contalos, para ver se falta alguén na clase. Ten que haber dazaseis, se queda algún no cesto é que alguén non viu, entón di a mestra Uxía, que así sumamos e restamos. Dazaseis nenos e nenas que xa nos coñecemos dos cursos pasados, dazaseis nenos e nenas convivindo na aula dos/as maiores de Educación Infantil do Ceip de Aguiño. Compartindo unha mesa grande onde cada un/a de nós somos un animaliño de rocha, porque este ano somos unha panda rocheira: o percebe, a estrela de mar, a peneira, a zamburiña, o ourizo, o mexillón, a vieira...fixemos un xogo para repartilos. Dí a mestra que se non nos gusta podemos cambialos porque ela non quere etiquetar dende o principio de curso con símbolos, nen imaxes...que non foran escollidas ou consensuadas con nós. De momento, despois do xogo de repartición de bichiños e bichiñas de rocha, ninguén quixo cambiar. Cando alguén o demande pois será o tempo de falalo. Temos unha foto destes/as xunto co noso nome na mesa. De momento estamos xogando moito cas letras do nosos nomes, xa case as coñecemos todas, as nosas que xa as traballamos moito ca nosa mestra Rosa cando tiñamos 3 e 4 anos, e dos nosos compañeiros/as. Dentro de pouquiño xa empezaremos a xogar cos nomes do percebe,navalla, mexillón,...e tamén o pegaremos ó lado da foto. Non é casual que sexamos unha panda rocheira. A mestra Uxía cóntanos historias deles/as: como o ourizo saca as espiñas porque di que "os bichos" non choran, como os bichos no recreo xogan a deportes de risco como meterse polas redes e as bichas fan colares...como ó percebe lle gusta teñirse o pelo con algas verdes é e obxecto de burlas, como o mexillón quere facer natación sincronizada e lle din que iso é cousa de "bichas"...creo que a mestra busca que con estas historias reflexionemos sobre a igualdade de oportunidades entre nenos e nenas, entre homes e mulleres, entre papas e mamás....Benvidos e benvidas ó noso tendal, a nosa estela dorneira, á nosa panda rocheira.