sexta-feira, 5 de outubro de 2007

Un calcetín, dous, tres...dazaseis calcetíns.








"Poñemos o mandilón, colgamos o calcetín e sentamos o cu no coxín"....así empezamos polas mañáns. Fíxonos moitas gracia os primeiros días o de colgar o calcetín e logo contalos, para ver se falta alguén na clase. Ten que haber dazaseis, se queda algún no cesto é que alguén non viu, entón di a mestra Uxía, que así sumamos e restamos. Dazaseis nenos e nenas que xa nos coñecemos dos cursos pasados, dazaseis nenos e nenas convivindo na aula dos/as maiores de Educación Infantil do Ceip de Aguiño. Compartindo unha mesa grande onde cada un/a de nós somos un animaliño de rocha, porque este ano somos unha panda rocheira: o percebe, a estrela de mar, a peneira, a zamburiña, o ourizo, o mexillón, a vieira...fixemos un xogo para repartilos. Dí a mestra que se non nos gusta podemos cambialos porque ela non quere etiquetar dende o principio de curso con símbolos, nen imaxes...que non foran escollidas ou consensuadas con nós. De momento, despois do xogo de repartición de bichiños e bichiñas de rocha, ninguén quixo cambiar. Cando alguén o demande pois será o tempo de falalo. Temos unha foto destes/as xunto co noso nome na mesa. De momento estamos xogando moito cas letras do nosos nomes, xa case as coñecemos todas, as nosas que xa as traballamos moito ca nosa mestra Rosa cando tiñamos 3 e 4 anos, e dos nosos compañeiros/as. Dentro de pouquiño xa empezaremos a xogar cos nomes do percebe,navalla, mexillón,...e tamén o pegaremos ó lado da foto. Non é casual que sexamos unha panda rocheira. A mestra Uxía cóntanos historias deles/as: como o ourizo saca as espiñas porque di que "os bichos" non choran, como os bichos no recreo xogan a deportes de risco como meterse polas redes e as bichas fan colares...como ó percebe lle gusta teñirse o pelo con algas verdes é e obxecto de burlas, como o mexillón quere facer natación sincronizada e lle din que iso é cousa de "bichas"...creo que a mestra busca que con estas historias reflexionemos sobre a igualdade de oportunidades entre nenos e nenas, entre homes e mulleres, entre papas e mamás....Benvidos e benvidas ó noso tendal, a nosa estela dorneira, á nosa panda rocheira.